|
Gracias irmáns:
Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo,
aquí está a honra de Galicia.
Si, gracias irmáns:
Nós tamén invocamos hoxe aquí a protección do Santiago Apóstolo, de
Prisciliano, de Santo André de Teixido, da Virxe do Carme, nai e señora da
xente do mar, pero invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica,
democrática, de nós mesmos para afrontar responsablemente e con coraxe esta
situación de emerxencia, sen que se nos oculte a realidade, sen que se
secuestre información, sen que falte á dignidade pretendendo acalar as
verdades cun tintinar de moedas.
Si, gracias irmáns:
Gracias a todos os que viñestes do Eo ao Miño, gracias especialmente ás
familias do mar que están aquí, co peso da dor e destas noites de vixilia
sobre os seus ombros, e gracias tamén moi especiais a esa humanidade sensible,
alerta oa sufrimento da xente e da destrucción da naturea, que dende todo o
mundo ten enviado o seu abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror polo que
acontece no mar de Galicia. Un mar fonte de vida, un excepcional ecosistema, o
máis precioso horto da creación, velaí o tedes, en permanente ameaza,
convertido nun vertedoiro de velenos, machacado pola cobiza duns e o desleixo,
o abandono doutros.
Convocados aquí, dunha maneira libre e unitaria, en marea cívica fornte á
marea negra do Prestige e na crise e na emerxencia en que Galicia está
asolagada: Esiximos a declaración de Galicia como zona catastrófica. Trátase
dun desastre de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación de
recursos de todo tio para reparar as graves consecuencias económicas, sociais,
medio-ambientais e para a saúde provocadas por este sinistro. O que precisa
Galciia non son remendos paliativos senón plans a longo prazo que contemplen o
binomio tan estreitamente relacionado de protección do medio ambiente e o
emprego e benestar da poboación.
As institucións españolas, a Comunidade Europea e os organismos internacionais
deberían contemplar tamén a existencia do que poderiamos chamar unha Débeda
Histórica de Catástrofes, pois temos sufrido xa seis catástrofes deste tipo e
de gravísimas dimensións en trinta anos, e é unha responsabilidade a asumir
polas institucións galegas o demandar esas compensacións históricas. Non só
quen contamina debe pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios, as
petroleiras deberían pagar.
Reclamamos para Galicia a inmediata posta en marcha de mecanismos de
prevención que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a
disposición dilixente dos medios económicos e loxísticos para impedir a
contaminación de novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas e a
limpeza e a restauración medioambiental da costa.
Reclamamos para Galicia a adopción de medidas determinantes, ben concretas,
por parte do Goberno central e da Xunta para que feitos como este non se
volvan a repetir nunca máis. Medidas para impedir xa, e é o momento agora, por
respecto ao loito do mar, o paso de buques que non reúnan as garantías de
seguridade, apartar o corredor marítimo e establecer un control estricto do
tráfico e do almacenamento de mercadorías perigosas.
Reclamamos para Galicia a dotación dun verdadeiro dispositivo de salvamento,
dun plan de emerxencia e dun operativo de reacción inmediata para loitar
contra a contaminación mariña, con remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes.
Aqueles que presumen de potencia mundial, ¿non lles cae a cara de vergoña ao
ver que aí, cunha nova marea negra nas nosas costas, non hai un só buque anti-contaminante
con pavillón español?
Reclamamos para Galicia a ubicación nesta costa da Axencia Europea para a
Seguridade Marítima.
Reclamamos que se impulse unha lexislación internacional que acabe con este
tipo de capitalismo delincuente, amparado na comenencia e nos paraísos fiscais,
que estraba a vida dos pobos e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.
E rematamos:
O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón en evidencia dun xeito
inapelable a inexistencia de medidas de prevención axeitadas, a ausencia de
plans de emerxencia para facer fronte a este tipo de catástrofes, a
improvisación e descoordenación nas tarefas de salvamento e loita contra a
contaminación e a total escaseza de recursos técnicos e humanos para facer
fronte a este tipo de situacións.
Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiencias. Reclamamos a
demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non
souberon impedir que o accidente tivese as peores consecuencias. Dicímolo no
código do mar: Delta India Mike India Sierra India Oscar November: Dimisión. É
nas situacións críticas cando os gobernantes teñen que estar a carón do pobo,
informando realmente, nos medios e no Parlamento, e activando os recursos dun
país.
Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora
Prestige. Xa non queremos contar máis. Xa abonda. Xa estamos petroleados ata
as praias da alma. Galicia, mobilizada de exemplar, conseguiu nos anos Oitenta
que se pechara o vertedoiro de residuos radioactivos, o cemiterio nuclear,
fronte á costa de Fisterra. Pois ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se
desprecie máis este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que se escoite en
Santiago, Madrid e Bruxelas. Que se escoite onde se teña que escoitar.
Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’.
Manifesto final da marcha de Santiago. 01/11/2002.
|